Reproducimos un anaco do que contan da súa experiencia:
"Dende Pontevedra trasladouse un grupo de 38 persoas, atraídas pola curiosidade de coñecer máis viños da D.O. Valdeorras, logo de facer un curso de cata coa Asociación Galega de Viticultura. A pesares da calor, foi un día moi ameno e produtivo, visitas a adegas Roandi, Alán de Val, aos seus viñedos, e ao Santuario das Ermidas.
Ás 11 da mañá chegamos a Éntoma, no concello de O Barco de Valdeorras, onde nos agardaba unha visita á adega Roandi, fomos moi ben recibidos, por Gerardo Rodríguez, xerente da adega, Luis Ferney, encargado da viña e Divina Gayoso, propietaria
Gerardo Rodríguez, foi o encargado de ensinarnos a obra de ampliación da adega, un proxecto ambicioso que a situará entre as adegas de maior capacidade da D.O. Valdeorras, tamén nos ensinou a adega actual, cos depósitos, as barricas de Carballo francés e a cova natural onde repousa o Brinde, escumoso elaborado según o método tradicional, 100% Godello.
Logo fomos a ver a viña Bancales, que, como o seu nome indica, está cultivada en socalcos, acompañados tamén por Luis Ferney, encargado de coidar, xunto con seu pai, as vides de onde parten os grandes viños de Roandi, que manexan con sentido común e con moito respecto á terra, son viñedos asentados en ladeiras de 525 m. de altitude, sobre solos de natureza pizarrosa e arxilosa, viñedos de cepas ancestrais mesturados coa reconversión de viñedo de variedades nobres galegas, mestura equilibrada que lle imprime aos viños sensacións complexas, diferentes… únicas.
Para rematar a visita a Roandi, degustamos os viños na grata compaña de Divina Gayoso, que nos contaba coa ilusión que traballaban neste proxecto. Os viños foron: Dona Delfina, Godello 100%, mestura de cepas centenarias con viñedo xoven, Alento, Godello de cepa vella sobre lías, e Bancales, Mencía, Souson e Albarello con paso por barrica de carballo francés, todos eles acompañados cunhas exquisitas empanadas, onde sorprendeu a de acelgas, típica da zona".
Este é o enlace onde podedes ler toda a información:
http://www.fruga-galiza.org/agv/2013/07/09/de-pontevedra-a-valdeorras/
No hay comentarios:
Publicar un comentario